Saturday 27 de April de 2024

O BNG pídelle ao goberno local implicación para que Corrubedo teña médico a tempo completo


O BNG segue mantendo o seu apoio incodincional á veciñanza de Corrubedo. Este xoves os concelleiros do BNG Luís Pérez e Cruz Rivadulla instaron ao goberno local a implicarse para resolver o colapso e a precarización do sistema público de saúde en Corrubedo e tamén en Ribeira.

Desde a formación lamentan que o Goberno local estea desaparecido e calado ante a falta de profesionais médicos en Corrubedo e Ribeira. “Está claro que mentiron cando dixeron que solucionarían a falta de médico porque o único que fixeron foi estar de brazos cruzados mentres a atención sanitaria se deteriora máis con cada día que pasa”.

O modelo dos nacionalistas pasa por dotar a Atención Primaria do persoal sanitario suficiente: persoal médico, de enfermería e de servizos. Por iso o modelo do BNG recolle un plan para reter e captar profesionais, con condicións atractivas para as formadas aquí e para que retornen as que marcharon fora. Tamén se propón blindar por lei o financiamento necesario da atención primaria para que reciba, cando menos, o 25% do total dos recursos destinados á sanidade, como recomenda a OMS, fronte ao actual 11,6% que sitúa a Galiza por debaixo da media.

“Desde o BNG propoñemos unha atención primaria atenta ás necesidades da poboación, defendendo un sistema sanitario público e forte que nos iguale ante a enfermidade, porque non pode seguir quedando atrás no coidado da xente, precisamos unha sanidade pública libre de recortes e privatizacións, que lle achegue á veciñanza a certeza, a tranquilidade e a confianza de que van ser coidados como se merecen ante a enfermidade”, concluíu o portavoz Luís Pérez Barral.